O-Xan, o grupo de opinión para a xestión dialogada do lobo en Galicia, presenta o seu blog, unha ferramenta a disposición de todos para difundir as nosas opinións, froito do debate de toda a xente que participa nel.

27/12/17

Queixa ao Valedor do Pobo

Formulario de queixas: VALEDOR DO POBO DE GALICIA

CONTRA QUE ÓRGANO DA ADMINISTRACIÓN DA COMUNIDADE AUTÓNOMA, CONCELLO, ENTIDADE OU EMPRESA PÚBLICA DESEXA PRESENTAR QUEIXA?: Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

CAL É O MOTIVO DA SÚA QUEIXA? POR FAVOR, DESCRÍBAA COA MAIOR PRECISIÓN POSIBLE: A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publicou a ORDE do 4 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2017.

Os expedientes de axudas empezaron a resolverse no mes de decembro de 2017, cuns prazos moi reducidos de tempo para achegar a documentación xustificativa, chegándose ao extremo de resolver incluso algúns deles o xoves 21/12/2017, saír do rexistro da Consellería o venres 22/12/2017 ás 10:07 horas e marcar como data tope para presentar a documentación o martes 26/12/2017; é dicir, ao día seguinte do día de nadal. Esta mala praxe por parte da Administración levou aos beneficiarios das axudas a non poder xustificalas no prazo marcado, polo que cremos que se está vulnerando claramente os dereitos dos cidadáns e ademais, actúase contrariamente aos principios xerais que establece o “Artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: 2. A xestión das subvencións a que se refire a presente lei realizarase de acordo cos seguintes principios: a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración otorgante. c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.”

Se ademais temos en conta que este tipo de axudas céntranse principalmente en dotar aos gandeiros de medidas para previr os ataques dos lobos, e que o Decreto 297/2008, do 30 de decembro,polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia marca entre os seus obxectivos: “Punto 5.c) Minimizar a conflitividade xerada polos danos que ocasionan os lobos sobre o gando, mediante incentivos económicos e asesoramento técnico axeitado para a aplicación de métodos de prevención de danos.”

E que ademáis di o seguinte: “Punto 20.-Prevención de danos ao gando. 1. A dirección xeral competente en materia de conservación da natureza e a Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, en colaboración, fomentarán a adopción por parte das/os gandeiras/ os de medidas preventivas para evitar os ataques dos lobos nas explotacións gandeiras. Para estes efectos, estableceranse axudas destinadas a fomentar o uso de mastíns, a colocación de valados electrificados, liñas de bandeiras e o reforzamento das instalacións (currais, naves, etc.).”

É máis que evidente que a propia Administración está a actuar contrariamente a todos estes principios e obxectivos, non sendo esta a primeira vez que pasa, polo que elevamos esta queixa e convidámola a que solicite á Dirección Xeral de Patromonio Natural unha relación dos expedientes aprobados na que se indique, detalladamente para cada unha deles, a data de saída do rexistro da Xunta de Galicia e a correspondente data límite para entregar a documentación xustificativa. Xa que entendemos que desta forma poderase ver de forma máis evidente o motivo da nosa queixa.

É indignante que a Administración non se tome máis en serio este asunto e que faga un manexo tan irresponsable dos tempos de xustificación das axudas, o que leva despois a que unha porcentaxe das mesmas queden sen xustificar e pérdanse. Queixa que elevamos porque consideramos que é de xustiza.

FIXO ALGUNHA RECLAMACIÓN OU INTERPUXO ALGÚN RECURSO CONTRA A ACTUACIÓN DESCRITA ANTERIORMENTE?: Non

ALGÚN XULGADO OU TRIBUNAL DITOU SENTENCIA OU TEN EN TRÁMITE ALGÚN PROCEDEMENTO CONTRA A ACTUACIÓN A QUE SE REFIRE A QUEIXA?: Non

RECLAMOU POR ESTE MESMO ASUNTO ANTE OUTRA DEFENSORÍA AUTONÓMICA OU ANTE O DEFENSOR DEL PUEBLO?: Non


POÑA AQUÍ CALQUEIRA OUTRO DATO QUE CONSIDERE DE INTERESE PARA O ESTUDO DO SEU PROBLEMA. : Esta reclamación faise polo Secretario de UNITEGA (UNIÓN DE TECORES DE GALICIA), que forma parte de O-XAN – Grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia